Historia de badius (III): 2005-2014
Para rematar xa coa nosa historia
de Badius imos co percorrido polo último decenio. No ano 2005 segue a
representar Tócama, Sam por diversas localidades da provincia, coma
sempre en convenio coa Deputación e a Xunta. No 2006, e despois dunha
forte renovación, comeza a preparar unha nova comedia, baseada nun
clásico do cine dos anos 40: Arsénico por compasión e que o grupo titula
Veleno por caridade, dándolle un aire máis moderno. Esta obra, que se
estrea no verán, ten moi boa acollida e grazas ao convenio coa
Deputación e a outras chamadas, fanse en só tres meses catorce
representacións. En colaboración co IES Maximino Romero de Baio créase
unha sección xuvenil coa que se fan varias representacións e se acode ao
certame de Teatro Intercentros de A Coruña, acadando un primeiro premio
de interpretación feminina (Rebeca Facal Fuentes). No mes de decembro a
asociación Badius intégrase na FABA (Federación de Asociacións de Baio)
para organizar o Nadal Cultural na vila.
No ano 2007 séguese coa obra
Veleno por caridade, da que se grava un vídeo, e a agrupación participa
en varias mostras de teatro coma as de Vedra, Bertamiráns e Salceda de
Caselas (Pontevedra), nesta última froito do recente ingreso de Badius
na Fegatea (Federación Galega de Teatro Afeccionado). Novamente en
decembro, organiza coa FABA o segundo Nadal Cultural.
No 2008 hai unha nova renovación
do grupo ao producirse varias baixas polos estudos ou o traballo dalgúns
membros. As baixas son cubertas na súa totalidade por actrices e
actores procedentes da sección xuvenil. Comézase a preparación dunha
nova obra: Bancagare. Sucursal n.º 13, cuxo guión está baseado no
clásico do cine español dos 60 Atraco ás tres, xunto con achegas de
membros do propio grupo. O resultado é unha comedia sobre o mundo da
banca que é estreada en Ferrol o 19 de outubro con grande éxito e que se
segue a representar por diversos escenarios (O Ézaro-Dumbría, Padrón,
Luou-Teo, Rois, Lousame...). Badius participa tamén no terceiro Nadal
Cultural da FABA.
Premios
As representacións de Bancagare
proseguen no 2009. É estreada en Baio e levada aos escenarios de Rianxo,
As Pontes, O Couto, Sada, A Laracha e Mazaricos, entre outros lugares.
Tamén participa no concurso de grupos afeccionados organizado polo
colexio Calvo Sotelo de A Coruña, que patrocina a Deputación. Nel, o
actor Marco Álvarez consegue o primeiro premio de interpretación
masculina. A finais de ano comézanse a organizar os actos do 25.º
aniversario do grupo, que teñen lugar durante tres domingos de decembro e
xaneiro no marco dun novo Nadal Cultural. No primeiro actúan os grupos
do Banco de Tempo do Concello de Zas e o Grupo Trécola de Santa Comba.
No segundo, os actos propiamente ditos de aniversario (un percorrido
audiovisual pola historia do grupo, sketchs cómicos, presentación dun
vídeo e unha canción e entrega de diplomas conmemorativos). E no
terceiro, a reestrea de Xoo... ante o perigo.
No 2010 séguense a representar as
obras Bancagare e Xoo... ante o perigo. Con esta particípase nos
concursos de teatro de Sada (logrando o primeiro premio de
Interpretación Masculina: Xurxo Sánchez) e no 13.º Certame de Teatro
Intercentros de A Coruña. Tamén participa nas Letras Galegas do Couto,
no día dedicado á vila de Baio e actúa en Ons-Brión (para a Fegatea),
Padrón, Ferrol (Domingos a Escena), Zas... e coma sempre, no Nadal
Cultural da FABA, que ese ano alcanza xa a súa quinta edición. Neste
caso Badius colabora organizando un Festival do Humor no que se
representan diversos sketchs cómicos: dende algún sobre as orixes de
Badius, pasando por Les Luthiers ou Tricicle, unhas propostas que sen
dúbida sorprenderon ao público.
O 2011 comeza co Festival do
Humor e séguense a representar Bancagare e Xoo... ante o perigo, coas
que un ano máis participa no convenio da Deputación. Estas obras
represéntanse en Dumbría, Rois, Agualada, A Coruña, Santiago e Cee.
Tamén acode a Vimianzo. E en decembro toma parte no sexto Nadal
Cultural da FABA.
O 2012 empeza coa representación
de Bancagare no Festival Teatral do Nadal. Logo, a compañía comeza a
preparar Facer o sueco, baseada nun texto do catalán Luís Coquard, coa
que participa no convenio da Deputación. Trala preestrea do mes de
setembro en Baio visita Ons, Lañas e Vimianzo. Outras actuacións son en O
Couto e Zas e en decembro forma parte dos actos dun novo Nadal Cultural
da FABA
As representación de Facer o
sueco seguen no 2013 e a compañía prepara o sainete descuberto de
Labarta Pose, Unha boa misa, que se estrea nas Letras Galegas en Baio.
En maio acode ao concurso Calvo Sotelo, no que acada o primeiro premio
de interpretación masculina (Marco Álvarez) e tamén actúa en Laxe,
Padrón e Malpica. Xa no Nadal, e de novo coa FABA, a compañía anuncia a
estrea da versión 3D de Facer o sueco con motivo do Día dos Santos
Inocentes e bromea co público repartíndolle unhas gafas para ver o
suposto efecto.
Ano sabático e nova obra
E chegamos así ao ano 2014, no
que o grupo toma un ano sabático en canto a actuacións para preparar un
novo espectáculo co que intentar sorprender despois destes 30 anos de
existencia. O guión baséase no filme de Mel Brooks O xovencito
Frankenstein, pero co toque persoal e Badius e retomando o título
orixinal do libro de Mary Shelley, Frankenstein, cuxo estreo, está
programado dentro dos actos do seu trixésimo aniversario, realizados
polas Escolas Municipais de Teatro Infantil e de Adultos do Concello de
Zas coa colaboración das seccións de baile, gaita e pandeireta de Adro e
no marco do Nadal Cultural da FABA. Pero a repentina enfermidade dunha
das actrices obriga a aprazar a súa estrea, que, probablemente, se
realizará durante o próximo entroido para marcar así un novo fito na súa
traxectoria.