Para estar o día das nosas actividades a partires de agora podes seguirnos :

Canal de YouTube
https://www.youtube.com/user/teatrobadius

Perfil de Facebook:

https://www.facebook.com/teatro.badius

E- mail Contacto: teatrobadius@yahoo.es

martes, 6 de enero de 2015

Historia de badius (I): 1984-1993   
https://www.youtube.com/watch?v=b1-yKFbUG8w

O grupo de teatro Badius xorde, aínda sen esa denominación, a finais de 1984 cando varios membros da directiva da asociación cultural Adro -fundada en 1980-, deciden organizar unha sección teatral. Pero non se pode dicir que esas inquietudes foran unha novidade. Eran máis ben o froito de sementes anteriores, a herdanza dunha tradición teatral que arrinca nos anos 50 cando o crego Juan Astray Vidal, pola festa de María Goretti, cos rapaces que facían a Primeira Comuñón ( a festa era e segue a ser en Baio a sinalada para tal celebración) preparaba unha serie de declamacións de tipo relixioso como poesías á Virxe. Así mesmo outros rapaces e rapazas das escolas Agra Regueiro representaban chistes, sainetes e pequenas pezas cómicas que ensaiaban cos mestres Antonio Platas e Carmen González.
Logo, nos anos 70 e co gallo de recadar fondos para as festas patronais, José Rojo Valiña organiza varios festivais teatrais, sempre a base de sainetes e pezas cómicas, moitos deles orixinais. Nestas representacións actuaban mozos e mozas do pobo, algúns deles consumados actores e actrices. Quen non lembra as falcatruadas de Andrés de Pascua, ou a Manolito da Droguería, Otilia de Gómez, Maricarme de Xan de Rosa, Pérez... José Rojo, sen dúbida un dos artífices do teatro en Baio, aínda volvería nos anos 80 con dúas citas teatrais: as escenificacións dun belén vivinte e da Paixón, ámbalas dúas organizadas por Adro.
Xa en 1984, a primeira actividade de Badius foi a organización do Festival Teatral do Nadal. Nel represéntanse diversas pezas curtas populares, xa coñecidas de moitos por representarse hai anos. Na segunda edición tamén representan pequenas obras e estrean o texto de Molière, O menciñeiro á forza, obra fundamental na historia do grupo, porque vai significar o seu lanzamento definitivo e será representada en varias localidades durante 1986. 

Primeiros premios 

Ademais, Badius acudirá con ela ao primeiro Certame de Teatro Xuvenil Ataroa da Coruña, no que se conseguirá o primeiro premio ao mellor grupo e obra, o primeiro premio de interpretación masculina (Manuel Muíño) e un accésit de interpretación (Gloria Regaldie). No seu terceiro Festival Teatral do Nadal representarán varias obras de autores galegos e algunha do propio grupo e a finais tamén dese ano será cando se produce a escisión de Adro e a constitución da asociación xuvenil Badius.
Na primavera do 87 a agrupación estrea O enfermo de neura, orixinal de Molière, e participa novamente no certame Ataroa. Nesta ocasión consegue o segundo premio á mellor obra e o primeiro de interpretación feminina (Gloria Regaldie). Dita obra será logo representada en moitas localidades da provincia (Zas, Vimianzo, Laxe, A Coruña, Oza, Malpica, Buño, Cee, Baio, Carballo, Ponteceso, Padrón, Santa Comba, Esteiro, etcétera), pero quizais a actuación máis sobresaínte do ano é a levada a cabo en outono cando o grupo viaxa a Mallorca, invitado polo Pueblo Español desta illa, para facer dúas representacións. Unha vez máis polo Nadal, organízase o seu festival teatral, que nesta ocasión serve para homenaxear ao pobo de Baio polo apoio que en xeral sempre prestou ao grupo dende os seus comezos. Son dous días de teatro nos que se representan as obras de máis éxito do grupo e se estrea Taberna sen dono, de Varela Buxán, moi ben acollida polo. Con ela acudirase durante o ano 88 a varias mostras de teatro (A Coruña, Rianxo, Cee) e a diversas localidades. Comeza ese ano o Certame de Teatro Afeccionado Tramoia en colaboración coa asociación cultural. Castro-Meda de Zas, con seis grupos participantes e no gañará o Grupo de Teatro Ártabro de Carballo. A finais de ano organízase coma decote o festival de Nadal.
No ano 89 continúase co certame Tramoia, xa con 20 grupos, repartidos en dúas seccións: infantil e xuvenil. Badius estrea a obra O Calzurras, adaptación libre dun texto de Carlos Arniches e participa en diversas mostras e encontros de teatro. Tamén se crean, respondendo a unha evidente necesidade, a sección infantil de teatro, en colaboración co colexio Labarta Pose e que agrupaba a máis de 50 nenos, e a sección xuvenil como ponte de enlace entre a escola e o propio grupo.
É de destacar a importancia do teatro infantil, pois grazas ao traballo de varios mestras e mestres que se encargaban do teatro escolar, este pasa a ser case a única actividade extra escolar do centro, organizándose durante moitos anos (aínda seguen na actualidade) festivais teatrais aos que acode gran cantidade de público para ver a estes actores novos (participan xa dende os tres anos). Incluso nalgunhas ocasións vaise actuar fóra do pobo a concursos ou mostras de teatro infantil. É aquela, a de finais dos 80, unha época dourada do teatro en Baio, pois entre as tres seccións houbo neses momentos preto de cen persoas relacionadas con esta arte escénica.
O labor de Badius continúa nos anos 90 dun xeito semellante ao desenvolvido ata entón, destacando feitos como a participación na terceira edición do certame Tramoia (1990) con 24 obras a concurso; ou a xira a Suíza realizada no 91 en colaboración coa Federación de Centros Galegos, para facer representacións en Xenebra, Lucerna, Zürich e Zug. Escenificouse con gran éxito Taberna sen dono. Tamén nese ano celébrase a cuarta Mostra de Teatro Tramoia, que desaparecerá tras esa edición por falta de apoio institucional.
En 1992 a compañía estrea O Avarento, de Molière e en 1993 participa no Couto na celebración do Día das Letras Galegas, dedicado a Blanco Amor, polo que se representan as obras A lebre das ánimas e A tía lambida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario