Historia de badius (II): 1994-2004
Continuando coa historia de
Badius, en 1994 a compañía teatral nacida en Baio un decenio antes acode
a varias mostras de teatro como as de Luou-Teo, A Baña e Ferrol. A obra
que representan ese ano é O avarento e recupera ademais con motivo do
seu décimo aniversario a súa primeira obra longa, O menciñeiro á forza.
No 1995 celebra esa onomástica co
Festival X Aniversario no que ofrece unha antoloxía de fragmentos das
mellores obras, unha exposición fotográfica e outros actos diversos.
Tamén se organiza, xunto coa asociación cultural Adro? a Lembranza de
Labarta Pose, con motivo do 70.º cabodano da súa morte, representando
varias obras curtas preparadas a partir de contos deste escritor baiés
(O segredo do tío Sanfona e O tío Miseria). A finais dese ano estrea
Cargar co morto, de Alfonso Paso, quizais a obra de máis grande éxito do
grupo ata o de entón.
En 1996 créase unha nova sección
xuvenil con alumnos do instituto Maximino Romero Lema de Baio.
Particípase no certame de Teatro Xuventude 96 de Lugo, organizado pola
Consellería de Xuventude e no que Badius acada o terceiro premio coa
obra Cargar co morto. Tamén edita xunto a Adro a revista cultural A
Fiestra. E para rematar o ano toma parte no primeiro Encontro de Teatro
da Costa da Morte, que con outros grupos da bisbarra se celebra en
Camariñas no mes de decembro de 1996.
No 97 estrea Eu non fun, tamén de
Alfonso Paso, obra continuísta na liña de Cargar co morto e que serve
de ponte ata o 98 mentres se prepara ¡Xoo... ante o perigo!, texto
elaborado polo propio grupo sobre a película Só ante o perigo e que será
estreado no Pavillón Cultural da Costa da Morte, que se celebra en
Cabana no mes de setembro organizado pola asociación Neria. Esta obra
-unha das que o grupo se sente máis satisfeito- será representada ao
longo de 1999 e con ela acudira ao primeiro Concurso de Teatro
Afeccionado de Gondomar, no que Badius consegue o terceiro premio á
mellor obra e dous accésits (mellor escenificación e mellor son). Tamén
neste ano 99 colabora nos actos do 25.º aniversario do colexio Labarta
Pose e celebrase o 15.º aniversario do propio grupo con actos que
inclúen unha mostra de teatro afeccionado e profesional cos grupos como
Mofa e Befa, Talía, Teatro do Improvisto, Amistad e Badius, ademais
dunha mostra de teatro infantil con formacións de Cabana, Nantón, O
Couto e Baio, e unha exposición de fotos e recordos do grupo ao longo
deses 15 anos.
Implicación cultural
No ano 2000 estrease Unha de
Romanos, sobre un texto de Manuel Núñez Singala. Colabora tamén coa
comisión Labarta Pose para que se lle dedique a este escritor baiés as
Letras Galegas e participa nos actos conmemorativos do 20.º aniversario
da asociación cultural Adro. Nos anos 2001 e 2002 prosegue coas
representación de Unha de Romanos.
No ano 2003 prepara unha nova
obra, que se titula Tócama, Sam. Está baseada no guión de Casablanca e é
a peculiar visión que o grupo ten deste mítico filme, pero visto dende a
óptica do humor. Foi estreada en Vimianzo no mes de novembro e logo
sería representada nas localidades de Ponteceso (Mostra de Teatro), Zas e
Baio.
No 2004 liquídase a asociación
xuvenil Badius para dar paso á asociación cultural teatral Badius. A
finais dese ano cúmprese o vixésimo aniversario do grupo que é celebrado
cunha mostra de teatro afeccionado e profesional como xa é tradición na
entidade cando toca conmemorar unha efeméride. Póñense en escena obras
de Falcatruada, Títeres Cachirulo, Candelexas e Badius. Tamén se
organiza unha cea para celebrar dito aniversario e nela actúa o dúo
humorístico Chapapote.
No hay comentarios:
Publicar un comentario